Inicio > Novas > Adxudicados máis de ...


Adxudicados máis de 36 millóns de euros para proxectos de mobilidade Erasmus+ en 2018 en Educación Escolar, Formación Profesional e Educación de Persoas Adultas

31/05/2018

 O Servizo Español para a Internacionalización da Educación ( SEPIE) publicou hoxe a Resolución definitiva pola que se aproban un total de 863 proxectos Erasmus+ de mobilidade cunha dotación económica de 36 millóns de euros nos sectores de Educación Escolar, Formación Profesional e Educación de Persoas Adultas.

Imaxen asociada a nova

Grazas aos proxectos aprobados, preto de 14.000 estudantes de Formación Profesional e docentes de todos os sectores participarán en mobilidades noutros países europeos. Isto tradúcese nun aumento na porcentaxe de participantes nestes tres sectores educativos con respecto ao ano 2017: en Educación Escolar foi do 35,4%; en Formación Profesional dun 12,5%; e en Educación de Persoas Adultas do 37,9%. 

Este investimento busca fomentar a internacionalización das institucións educativas e de formación e facilitar a consecución dos obxectivos do marco estratéxico de Educación e Formación 2020 (E& T 2020)

Educación Escolar 

Nesta convocatoria foron seleccionados un total de 437 proxectos Erasmus+ de mobilidade para a aprendizaxe do persoal educativo, 98 proxectos máis que en 2017. O financiamento ascende a un total de 6,8 millóns de euros, un 30,9% superior á do ano pasado. 

Grazas a estes proxectos, 3.803 docentes de 546 centros educativos españois realizarán mobilidades a outros países europeos, co fin de mellorar as súas prácticas profesionais e para implementar as melloras adquiridas e as boas prácticas observadas en centros educativos. 

Os temas sobre os que versan os proxectos seleccionados aseguran o seu impacto real nos centros educativos beneficiarios no noso país. Neste sentido, a mellora dos centros educativos, o ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras, as competencias dixitais, a inclusión e a redución do abandono escolar cedo son as temáticas principais destes proxectos. 

Desde o comezo do programa Erasmus+ en 2014, xa foron máis de 1.600 os proxectos subvencionados, con máis de 12.000 docentes participantes en mobilidades a outros países europeos. 

Un recente estudo de impacto realizado polo SEPIE indica que máis do 90% dos docentes participantes en Erasmus+ melloran as súas competencias profesionais, a súa satisfacción profesional e as súas competencias lingüísticas.

Formación profesional 

Na convocatoria de 2018 destinaranse ás accións de Formación Profesional 28.228.828,00 euros, case catro millóns de euros máis que a convocatoria 2017 para financiar as mobilidades dos estudantes ou profesores de Formación Profesional Básica, Grao Medio e Certificados de Profesionalidade, que se desprazarán a outro país europeo para realizar prácticas en empresas, docencia ou formación. 

A demanda no sector de Formación Profesional aumentou exponencialmente nesta convocatoria, ata duplicar practicamente a cantidade solicitada respecto dos fondos dispoñibles. En total, seleccionáronse 350 proxectos, que permitirán a realización de máis de 9.473 mobilidades entre estudantes, recentemente titulados e profesorado, un incremento do 12,5% respecto da convocatoria anterior. 

Nesta convocatoria de 2018 destaca o éxito da iniciativa da Comisión Europea por promover un aumento da duración das mobilidades a través das mobilidades " ErasmusPRO", de máis de tres meses de duración: case un terzo dos fondos de Formación Profesional adxudicaranse para financiar mobilidades de máis de 90 días. 

O incremento substancial da demanda e o aumento da duración das mobilidades reflicten a gran aceptación dos programas de mobilidade dentro do sector de Formación Profesional: o número de participantes aumentou un 87% desde 2014. 

No estudo de impacto realizado polo SEPIE queda reflectido que o 97% dos profesionais do sector de Formación Profesional atribúen efectos "múltiples e transversais" no alumnado tras a súa experiencia Erasmus+, destacando a súa mellora en habilidades interculturais, mellora en competencias, idiomas e sentimento europeo. Así mesmo, o estudo reflicte que o 70% dos estudantes que participan en Erasmus+ continúan formándose á súa volta.

Educación de Persoas Adultas 

76 proxectos de mobilidade Erasmus+ de Educación de Persoas Adultas foron seleccionados na convocatoria de 2018, 22 proxectos máis que na convocatoria anterior. O financiamento total ascende a 1,1 millóns de euros, un 37,3% superior á do ano pasado. 

Grazas a estes proxectos, 608 profesionais deste sector participarán en actividades internacionais de formación noutros países e desenvolverán períodos de observación e de docencia noutras institucións europeas. 

Os proxectos seleccionados están relacionados maioritariamente coas seguintes temáticas: educación intercultural e interxeracional, ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras, mellora na calidade das institucións, inclusión e competencias dixitais. 

Desde o comezo do programa Erasmus+ en 2014, preto de 2.000 profesionais do sector de persoas adultas participaron en mobilidades a outros países europeos grazas á selección dun total de 268 proxectos.

Liderado de España no programa Erasmus + 

España mantén o seu liderado no programa Erasmus+, sendo primeiro destino europeo en todos os sectores educativos (Educación Escolar, Formación Profesional, Educación Superior e Educación de Persoas Adultas).



Concello de Lugo