Inicio > Novas > A Xunta pon en valor...


A Xunta pon en valor a importancia das achegas da mocidade para seguir construíndo unha Europa máis forte e mellor

23/07/2018

Santiago de Compostela e Vigo acolleron estes días o "Parlamento Europeo da Mocidade", no que participaron 130 participantes de 23 países.
Trátase do maior evento xuvenil de carácter internacional que ten lugar en España en 2018 

 

Imaxen asociada a nova

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, reuníronse o pasado venres en Santiago de Compostela cos 130 participantes do Parlamento Europeo da Mocidade (European Youth Parliament, EYP, en inglés), no que debatirán estes días, nas cidades de Santiago e Vigo, sobre o futuro do continente, baixo o lema Seeding the Future (sementando o futuro).

Na súa conversa c@s moz@s, Jesús Gamallo, resaltou que nun momento como o actual, resulta fundamental que os máis novos se involucren na construción do futuro do continente que desexamos proxectar. Gamallo tamén lembrou que ante os europeos preséntanse grandes retos por diante para defender e mellorar o modelo social e de convivencia actual: un modelo baseado no humanismo e a solidariedade; e nunha economía competitiva e innovadora para atender as distintas necesidades da cidadanía. Co obxectivo de defender eses valores, nos que se baseou a construción dunha Europa libre e cohesionada, é preciso o traballo de todos e resultan especialmente imprescindibles as achegas da mocidade. 

Nesta liña, Cecilia Vázquez destacou a importancia deste tipo de accións para fomentar o entendemento mutuo e a cooperación entre a mocidade europea. Ademais, apuntou que contribúen a comprender a identidade e os valores europeos.

O Parlamento Europeo da Mocidade (EYP, polas súas siglas en inglés) é unha organización apolítica e apartidista cun espírito educador encamiñado a lidar coas necesidades da mocidade europea. O EYP anima @s moz@s para ter un pensamento crítico e independente e facilítalles a aprendizaxe de habilidades sociais e políticas, cruciais para o seu futuro. O EYP é unha das máis importantes plataformas europeas de debate político, encontros internacionais, aprendizaxe e intercambio de ideas entre a mocidade.

Está formado por unha rede de 40 asociacións e organizacións europeas nas que milleiros de mozos participan activamente de maneira voluntaria. A rede organiza ao redor de 200 eventos cada ano.

Galicia foi a Comunidade Autónoma seleccionada para acoller o Foro rexional do European Youth Parliament que tivo lugar en febreiro de 2018, e, entre o 15 e o 23 de xullo de 2018, o Foro internacional 2018 do European Youth Parliament, desenvolverse entre Vigo e Santiago de Compostela. Nesta edición internacional participaron máis de 130 participantes de 23 países de todo o continente europeo (UE, Bielorrusia, Ucraína etc). Trátase do maior evento xuvenil de carácter internacional que ten lugar en España en 2018.

Fonte: Fundación Galicia Europa

 



Concello de Lugo