Inicio > Novas > Novos dereitos dixit...


Novos dereitos dixitais en toda Europa

01/08/2018

 

Imaxen asociada a nova

Tras o fin das tarifas de  itinerancia en toda a Unión Europea o ano pasado, agora quen se vaia de vacacións poderá viaxar coas súas subscricións en liña de televisión, cinema, deporte, música ou libros electrónicos, sen custo adicional. Ademais, en Europa, todo o mundo pode beneficiarse dunha lexislación en materia de protección de datos que se conta entre as mellores do mundo e garante que todos os europeos teñan un maior control sobre os seus datos persoais.
En palabras de  Andrus  Ansip, vicepresidente responsable do mercado único dixital: "Os europeos xa empezan a ser conscientes das vantaxes que ofrece o mercado único dixital. Este verán poderás levarte contigo os teus programas de televisión e partidos favoritos a calquera lugar da Unión ao que viaxes. Cara a finais de ano, tamén poderás sacar entradas para un festival ou alugar un coche por internet desde calquera lugar da Unión sen sufrir  geobloqueos nin desvíos".

VÄ•ra  Jourová, comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, afirmou: "O mundo dixital ofrece tremendas oportunidades, pero tamén ten os seus problemas; por exemplo, os nosos datos persoais son un recurso útil para moitas empresas. Coa moderna lexislación sobre protección de datos que adoptamos, os europeos teñen máis control sobre os seus datos á hora de facer as súas compras, reservar as súas vacacións en liña ou, simplemente, navegar por internet".

Mariya Gabriel, comisaria de Economía e Sociedade Dixitais, engadiu: "Estamos a mellorar a vida diaria dos nosos cidadáns, tanto co fin das tarifas de  itinerancia como coa contorna de navegación máis segura. Cando completemos todas as nosas iniciativas dixitais, ofreceremos un cambio aínda máis positivo aos consumidores e ás empresas por igual". 

Os dereitos dixitais xa se utilizan cotidianamente

- Desde xuño de 2017, os cidadáns poden utilizar os seus teléfonos móbiles cando viaxan pola Unión exactamente igual a como o farían na casa, sen pagar tarifas adicionais. Desde que a Unión eliminou as tarifas de  itinerancia, o volume de datos consumido na Unión Europea e o Espazo Económico Europeo multiplicouse por máis de cinco, e efectuáronse case dúas veces e media máis de chamadas telefónicas.

- Desde abril de 2018, os consumidores poden acceder aos servizos de contido en liña aos que se subscribiron no seu país tamén cando viaxan pola Unión: películas, series, retransmisións deportivas, etc. 

- En virtude da nova lexislación en materia de protección de datos vixente na Unión desde o 25 de maio de 2018, os europeos poden transferir de maneira segura datos persoais entre provedores de servizos, por exemplo a través da nube ou o correo electrónico; agora, todo o mundo ten dereito a saber se os seus datos foron filtrados ou  pirateados, ou de que maneira se obteñen os seus datos persoais. É máis, grazas ao "dereito ao esquecemento", os datos persoais teñen que ser eliminados cando se solicite, se non hai motivos lexítimos para que as empresas os conserven.

- Por último, coa lexislación sobre neutralidade da rede, aplicable desde a primavera de 2016, todos os europeos teñen acceso a unha internet aberta, o que garante a súa liberdade sen discriminacións á hora de elixir o contido, as aplicacións, os servizos e a información que prefiran.

Proximamente

Xa hai algúns dereitos dixitais vixentes, pero nos próximos meses chegarán máis. A partir de setembro, os europeos terán cada vez máis dereito a utilizar a súa identificación electrónica nacional en toda a Unión para acceder a servizos públicos.

Desde decembro, todo o mundo se beneficiará da libre circulación de datos non persoais, xa que se poderá acceder a uns servizos de almacenamento e tratamento de datos mellores e máis competitivos na Unión, o que complementará a libre circulación de persoas, mercadorías, servizos e capitais. Os empresarios, entre tanto, poderán decidir en que lugar da Unión almacenan e tratan todo tipo de datos.

A partir do 3 de decembro, os europeos poderán comprar en liña sen discriminacións inxustificadas independentemente do lugar da Unión no que se atopen. Non terán que preocuparse de sufrir un bloqueo ou un desvío nun sitio web simplemente porque eles (ou o seu cartón de crédito) proceden dun país diferente.

A partir do ano que vén, os cidadáns poderán comparar máis facilmente os gastos de entrega de paquetes e beneficiaranse duns prezos máis alcanzables nas entregas transfronteirizas.

As normas acordadas en relación co imposto sobre o valor engadido (IVE) no comercio electrónico permitirán aos empresarios abordar as súas necesidades en materia de IVE transfronteirizo nun portal en liña e no seu propio idioma.

Co Código Europeo das Comunicacións Electrónicas acordado recentemente, os europeos terán dereito a cambiar de provedor de servizos da internet e de telecomunicacións máis facilmente. Tamén terán dereito a recibir alertas públicas nos seus teléfonos móbiles en caso de emerxencia. A nova lexislación tamén garantirá unha conectividade mellor e máis alcanzable en toda a Unión.

Coa lexislación actualizada en materia de medios audiovisuais, os europeos terán dereito a unha contorna virtual segura, que os protexa fronte á incitación á violencia, o odio, o terrorismo, a pornografía infantil, o racismo e a xenofobia.

Antecedentes

A Comisión propuxo a Estratexia para o Mercado Único Dixital en maio de 2015, co fin de adaptar o mercado único da Unión á era dixital, derrubando muros lexislativos e pasando de vinte e oito mercados nacionais a un mercado único. Isto podería supoñer unha contribución de 415 000 millóns de euros ao ano á nosa economía e a creación de centos de miles de postos de traballo.

Tres anos despois, a Estratexia está ben encamiñada: acordáronse dezasete propostas lexislativas, mentres que doce seguen pendentes. Hai unha necesidade #imperioso de completar o marco regulador para a creación do mercado único dixital. Grazas a el, o valor da economía europea dos datos podería superar os 700 000 millóns de euros de aquí a 2020, o que equivale ao 4 % da economía da Unión.



Concello de Lugo