Inicio > Novas > Xuventude Crea


Xuventude Crea

13/08/2018

A Consellería de Política Social publica no DOG de hoxe a Orde do 1 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases que rexen o programa Xuventude Crea e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. 

Imaxen asociada a nova O Programa Xuventude Crea contempla 13 modalidades: teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda, cociña e skate.  


Persoas destinatarias

Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2018 agás o establecido no capítulo II segundo para cada especialidade.

Enténdese por profesional, aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

Agás no caso das especialidades de teatro, música, graffiti e cociña, a participación será sempre a título individual.

Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde, e unicamente a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes previa comunicación a estas persoas.

Obras e premios

Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer as persoas participantes.

Establécense os seguintes premios por cada unha das especialidades (teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda, cociña e skate):

Un primeiro premio de 3.000 €.
Un segundo premio de 1.500 €.
Un terceiro premio de 1.000 €.

Prazo: O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de setembro de 2018.

Máis Información



Concello de Lugo