Inicio > Novas > A Comisión publica u...


A Comisión publica unha nova convocatoria de propostas de proxectos para o Corpo Europeo de Solidariedade

16/08/2018

A UE dedica 44 millóns de euros do seu orzamento aos proxectos seleccionados nesta convocatoria, aberta a todos os mozos dentro e fóra de Europa. Trátase da primeira dunha serie de convocatorias que, de aquí a final de 2020, darán a un mínimo de 100 000 mozos a posibilidade de participar no Corpo Europeo de Solidariedade. 

Imaxen asociada a nova

Günther  H.  Oettinger, comisario de Orzamento e Recursos Humanos, declarou: «Con esta nova convocatoria do Corpo Europeo de Solidariedade, cumprimos o compromiso adquirido de crear máis oportunidades para que os mozos participen en actividades solidarias. Financiado polo orzamento da UE, o Corpo Europeo de Solidariedade é o mellor marco para que os mozos aprendan, compartan e utilicen a súa enerxía en aras do ben común.»

Tibor  Navracsics, comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, manifestou: «A solidariedade é un dos valores fundamentais da Unión Europea. Unha e outra vez, os mozos de toda a UE puxeron de manifesto a súa vontade de axudar ás persoas necesitadas. Ao crear un marco específico e asignar o financiamento necesario para o período 2018-2020, queremos darlles máis oportunidades de participación, incluída a posibilidade de formar un grupo de voluntarios e presentar as súas propias ideas para proxectos de solidariedade.»

Marianne Thyssen, comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidades e Mobilidade Laboral, engadiu: «O Corpo Europeo de Solidariedade axuda aos mozos no seu desenvolvemento profesional e a súa integración no mercado de traballo. Grazas á súa marcada dimensión de solidariedade europea, o Corpo Europeo de Solidariedade constitúe unha oportunidade extraordinaria para que os mozos desenvolvan aptitudes interpersoais e adquiran novos coñecementos, todo o cal redundará nun valor engadido para eles e para a sociedade en xeral».


Que proxectos son subvencionables?

A convocatoria que hoxe se presenta está aberta a unha gama de proxectos máis ampla que nunca: ademais de períodos individuais de voluntariado, prácticas ou empregos en ámbitos solidarios a longo prazo, serán admisibles os seguintes proxectos:

- As organizacións poderán ofrecer proxectos a curto prazo (de dúas semanas a dous meses) a equipos de voluntarios. En primeiro lugar, as organizacións deberán recibir un selo de calidade, que poden solicitar en calquera momento á axencia nacional Erasmus+ ou, nalgúns casos, a Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural.

- Poden solicitar financiamento non só organismos públicos e privados radicados nos Estados membros da UE, senón tamén os grupos de mozos, de polo menos cinco participantes, rexistrados no portal do Corpo Europeo de Solidariedade, que poderán crear os seus propios proxectos de actividade solidaria.

- Determinados proxectos do Corpo Europeo de Solidariedade no ámbito do voluntariado tamén están abertos á participación de organizacións de Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía, a antiga República Iugoslava de Macedonia e outros países socios

Próximas etapas

Os proxectos no marco da convocatoria de propostas que hoxe comeza serán seleccionados tras a adopción formal da proposta da Comisión polo Parlamento Europeo e o Consello, consecutiva ao seu acordo político de xuño de 2018. A data límite de presentación de solicitudes é o 16 de outubro de 2018, excepto para os proxectos de equipos de voluntarios, que poden facelo ata o 18 de febreiro de 2019.

Contexto

As condicións detalladas da presente convocatoria de propostas, as prioridades e as instrucións de presentación de solicitudes para cada proxecto figuran na guía do Corpo Europeo de Solidariedade.

O Corpo Europeo de Solidariedade púxose en marcha en decembro de 2016. Desde entón inscribíronse máis de 72 000 mozos, dos cales uns 7 000 participan en actividades solidarias.

En maio de 2017, a Comisión propuxo destinar máis de 340 millóns de euros ao Corpo Europeo de Solidariedade e reforzar a súa estrutura xurídica, de modo que 100 000 mozos puidesen participar ata o final de 2020. En xuño de 2018, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron un acordo político sobre esta proposta, que agora ambos deben aprobar formalmente. Entre tanto poden tomarse medidas preparatorias, como o lanzamento da convocatoria de propostas de hoxe.

O 11 de xuño de 2018, a Comisión presentou a súa proposta sobre o Corpo Europeo de Solidariedade para despois de 2020: unha dotación de 1 260 millóns de euros a fin de que uns 350 000 mozos poidan participar nunha actividade solidaria.



Concello de Lugo