Inicio > Novas > O Parlamento votará ...


O Parlamento votará as novas regras para medios audiovisuais

27/09/2018

O próximo 2 de outubro, o pleno pronunciarase sobre a revisión da directiva de medios audiovisuais.

Imaxen asociada a nova

O obxectivo desta reforma é protexer mellor aos espectadores, fomentar a innovación e promover o contido europeo.

Internet cambiou drasticamente a forma na que consumimos películas, vídeos e programas de televisión. A lexislación revisada non só aplicarase aos organismos de radiodifusión tradicionais, senón tamén ás plataformas de vídeo á carta e de intercambio de vídeos, como Netflix, YouTube ou Facebook, así como á transmisión en directo en plataformas de intercambio de vídeos.

Protección de menores e contido daniño

A visualización de vídeos é unha das actividades preferidas polos nenos en internet. As novas normas incluirán unha mellor protección dos menores, incluída a redución da exposición dos nenos á publicidade de alimentos ou bebidas pouco saudables.

Tamén prohibe a publicidade de produtos de tabaco, cigarros electrónicos e alcol en programas de televisión para nenos e plataformas de vídeo. Calquera contido que incite á violencia, o odio e o terrorismo, a violencia gratuíta e a pornografía estarán suxeitas ás regras máis estritas.


As plataformas de intercambio de vídeos tamén serán as responsables de reaccionar rapidamente cando os usuarios denuncien ou marquen o contido como daniño.


"Será posible que os adultos implementen software de filtrado sobre o contido dos seus fillos e tamén teñan un software de verificación da idade nun contido que pode ser daniño", dixo a eurodeputada alemá Sabine Verheyen, do Partido Popular Europeo, unha das responsables da negociación no Parlamento. 

Límites publicitarios e contido europeo

As novas regras definirán os límites publicitarios e imporán unha cota máxima de anuncios do 20% do período de emisión diaria entre as 6:00 e as 18:00 horas, o que lle dá á emisora a flexibilidade de axustar as súas pausas publicitarias.


Para aumentar a diversidade cultural e promover o contido europeo, o 30% do contido dos programas de canles de televisión e plataformas de vídeo á carta deberá ser europeo.


"O que estamos a experimentar hoxe con internet, vídeos e películas dispoñibles en liña, até agora non foi regulado. Por iso necesitamos actualizar a directiva", sostivo a socialdemócrata alemá, Petra Kammerevert, tamén responsable desta negociación.



Concello de Lugo