19/10/2018
Tras o éxito da primeira fase de DiscoverEU, o 29 de novembro de 2018 a Comisión Europea porá en marcha un segundo concurso para gañar billetes gratuítos.
Todos os mozos e mozas de 18 anos da UE terán até o 11 de decembro de 2018 para solicitar un billete gratuíto que lles dará a oportunidade de viaxar por toda Europa entre o 15 de abril e o 31 de outubro de 2019. A primeira fase de DiscoverEU reuniu a miles de mozo/as que constituíron unha auténtica comunidade en toda Europa. Os participantes, que non se coñecían previamente, conectáronse mediante as redes sociais para formar grupos e viaxar de cidade en cidade ou para aloxarse uns en casa doutros.
O comisario Tibor Navracsics, responsable de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, manifestou: «Este verán, ao redor de 15 000 mozos de 18 anos puideron viaxar por toda a UE e experimentaron de primeira man o que sente ao ser europeo. Tiveron a oportunidade de descubrir a diversidade e a riqueza cultural de Europa, así como de coñecer a persoas de toda a UE. Escoitamos moitas historias fantásticas dos participantes e compráceme poder ofrecer esta experiencia a un número aínda maior de mozos o próximo ano».
Quen pode participar e como?
- Os solicitantes deberán ter 18 anos cumpridos o 31 de decembro de 2018 e estar dispostos a viaxar entre o 15 de abril e o 31 de outubro de 2019, durante un período máximo de trinta días.
- O/as interesado/as han de presentar a súa solicitude no Portal Europeo da Mocidade.
- Un comité de avaliación examinará as solicitudes e seleccionará aos/as gañadore/as.
- Os resultados da selección comunicaranse aos solicitantes a mediados de xaneiro de 2019.
O/as gañadore/as poderán viaxar individualmente ou en grupos dun máximo de cinco persoas, polo xeral en tren. Con todo, para garantir o acceso a todo o continente, os participantes poderán empregar outros medios de transporte, como o autobús, o ferry ou, excepcionalmente, o avión. Deste xeito garantirase que os mozos que viven en zonas remotas ou en illas da UE tamén teñen a oportunidade de participar.
O comisario Navracsics anunciou a posta en marcha da segunda fase de DiscoverEU nunha reunión das partes interesadas celebrada hoxe, á que asistiron representantes que traballan no ámbito da mocidade, a educación, o transporte e o turismo, e mozos que participaron na iniciativa este verán. A reunión forma parte dos labores en curso destinadas a lograr que a experiencia DiscoverEU sexa aínda máis eficaz e accesible no futuro. Tamén se convidou a organizacións como a Rede Europea de Loita contra a Pobreza a deliberar sobre as formas en que pode mellorarse a inclusión social nas próximas fases de DiscoverEU.
Próximas etapas
Debido ao gran interese suscitado por DiscoverEU e á experiencia que ofrece aos mozo/as de toda a UE, a Comisión Europea propuxo 700 millóns de euros para esta iniciativa con cargo ao futuro programa Erasmus no próximo orzamento a longo prazo da UE despois de 2020. Se o Parlamento Europeo e o Consello están de acordo coa proposta, outro millón e medio de mozos de 18 anos poderán viaxar entre 2021 e 2027.
Contexto
DiscoverEU púxose en marcha en xuño, cun orzamento de 12 millóns de euros en 2018. Até agora, deuse a máis 15 000 mozos a oportunidade de viaxar por toda Europa. Este ano, Ano Europeo do Patrimonio Cultural, os/as viaxeiro/as tamén tiveron a oportunidade de participar nos numerosos eventos que se están celebrando para dar a coñecer o patrimonio cultural de Europa.
Durante a primeira fase, do 9 de xullo ao 30 de setembro de 2018, uns 15 000 mozo/as gañaron bonos de viaxe, outorgados segundo unha cota fixa por país. O/as gañadore/as puideron viaxar, ben sós ou ben en grupos dun máximo de cinco persoas, durante un período de até trinta días por un Estado membro da UE, como mínimo.