Logotipo
Inicio > Proxectos > INTERREG - Vías Atlánticas INICIATIVA COMUNITARIA

INTERREG - Vías Atlánticas INICIATIVA COMUNITARIA

Imaxen asociada a nova

Interreg III é a iniciativa comunitaria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en beneficio da cooperación entre rexións da Unión Europea durante o período 2000-2006. O obxectivo desta nova fase de Interreg consiste en aumentar a cohesión económica e social na UE, fomentando a cooperación transfronteiriza, transnacional e interrexional, así como o desenvolvemento equilibrado do territorio. Préstase unha especial atención á colaboración entre as rexións ultraperiféricas e aquelas situadas nas fronteiras externas da Unión cos países candidatos á adhesión.

Esta iniciativa desglósase en tres epígrafes:

INTERREG III A, INTERREG III B E INTERREG III C.

O primeiro céntrase na cooperación transfronteiriza e a súa finalidade é fomentar o desenvolvemento rexional integrado entre as rexións fronteirizas incluídas as fronteiras exteriores da UE e certas zonas marítimas.

A segunda modalidade, denominada de cooperación transnacional, pretende favorecer a integración territorial de toda a UE a nivel nacional, rexional e local no seo dos 13 espazos definidos pola Comisión Europea e os Estados Membros. Esta categoría subdivídese en varios eixes:

-Azores-Madeira-Canarias
-Espazo Atlántico
-Mediterráneo Occidental e
-Sueste Europeo.

Finalmente o capítulo C, o de cooperación interrexional, actúa entre axentes de rexións non fronteirizas da UE, sen límite xeográfico, con posibilidade de estenderse a rexións de países candidatos á adhesión. Neste ámbito definíronse catro espazos: Norte, Sur, Leste e Oeste.

Este proxecto xestionado polo Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), denomínase "VÍAS ATLÁNTICAS" e encáixase na Iniciativa Comunitaria Interreg III A, dentro da cooperación transfronteiriza entre España e Portugal.

FINS
Os seus obxectivos céntranse na recuperación e promoción do itinerario turístico-cultural das antigas vías romanas XIX e XX do itinerario de Antonino e na posta en valor e conservación dos recursos patrimoniais, culturais e arqueolóxicos presentes nas mesmas.

O Inludes, consciente da importancia desta ruta cultural, inaugurada no ano 11 D.C., está rescatando o treito de vía que unía Braga e Astorga a través de Lugo, un traballo que permitiu localizar importantes vestixios romanos, entre eles varios miliarios. As características destes achados daranse a coñecer unha vez rematado o Plan Director, que deberá ser ratificado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Unha vez rematada esta fase, o Inludes poderá desenvolver o resto de accións que ten encomendadas: limpeza, sinalización e difusión da vía, principalmente. Para este fin o organismo provincial disporá de 200.000 € que forman parte do presuposto xeral de "Vías Atlánticas": 1.670.640 €.

SOCIOS
Ademais do Inludes participan en "Vías Atlánticas" outras entidades españolas e portuguesas que tamén traballan na recuperación desta histórica calzada ó seu paso polos seus respectivos territorios: Deputación de Pontevedra, Deputación da Coruña, Concello de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela, Consello Superior de Investigacións Científicas ( CSIC), Câmara Municipal de Braga, Câmara Municipal de Vila Verde, Câmara Municipal de Valença, Municipio de Ponte de Lima, Municipio de Paredes de Coura e Universidade do Minho.



Documentos




Cooperación
Concello de Lugo