Logotipo
Inicio > Proxectos > Lugoqualitas 3

Lugoqualitas 3

Imaxen asociada a nova

O proxecto estará dirixido a un grupo de 30 mozos de entre 18 e 35 anos de Lugo que conten cunha titulación académica (universitaria ou de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior) e que, preferentemente non teñan experiencia previa no seu campo profesional ou académico. O Concello puido comprobar que este grupo é o que maiores necesidades presenta á hora de abordar a formación e o emprego (necesidades de tipo lingüístico, necesidade de adquirir experiencia no seu sector profesional, formación práctica, orientación laboral, coñecemento TIC, etc).

O obxectivo xeral do proxecto é fomentar a inserción laboral dos mozos de Lugo, mediante a organización de estanzas internacionais durante 14 semanas en Viena (Austria), Florencia (Italia) e Belfast (Reino Unido). Estas estanzas inclúen a realización dun curso lingüístico de 3 semanas no idioma do país de destino e unhas prácticas profesionais de calidade en empresas durante 11 semanas.

Nesta terceira edición de LUGOQUÁLITAS o Concello de Lugo, tendo en conta as demandas e necesidades nas edicións anteriores do proxecto e os bos resultados obtidos en ambas as dúas, decidiu incluír dúas novidades:

- por un lado, ampliar o programa en dúas semanas máis, co fin de favorecer a aprendizaxe e afianzar mellor os coñecementos prácticos dos participantes
- e por outro lado, ampliar os sectores profesionais, co fin de dar cabida no programa a todos os mozos de Lugo, tanto os que estudaron na cidade, coma os que tiveron que saír temporalmente fóra de Lugo ou de Galicia para realizar estudos que non se ofertan na cidade.

LUGOQUÁLITAS 3 é o resultado da aposta do Concello de Lugo por promover a formación e o emprego entre a poboación nova da cidade. O Espazo>Lab, pola súa banda, co obxectivo de detectar oportunidades no mercado laboral, promove o encontro entre a oferta e a demanda. É por iso que presentar LUGOQUÁLITAS 3 supón cumprir con todos estes obxectivos e conseguir resultados moi positivos, tanto a nivel local coma para os participantes do proxecto, que poderán: completar o seu itinerario formativo, adquirir experiencia profesional e perfeccionar a aprendizaxe dun segundo idioma.

Espazo>Lab contará coa colaboración con empresas de acollida en cada un dos países de destino e que ofrecerán prácticas de calidade aos participantes. Igualmente, no proxecto participan socios intermediarios: Amadeus (Austria); AEF en Florencia (Italia) e Intern Europe en Belfast (Reino Unido).

No mes de setembro de 2014 comezarase co proceso de selección.



Documentos




Cooperación
Concello de Lugo