Cargando....
Concello de Lugo
27/04/24
LICENZAS
Escoita esta páxina

SOLICITUDE 258: COMUNICACIÓN OBRAS MENORES, DE CONFORMIDADE CO ESTABLECIDO NA ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA



 

COMUNICACIÓN OBRAS MENORES

Este trámite permite a comunicación da persoa interesada por escrito ante o Concello para acometer determinadas obras de escasa entidade construtiva, sinxeleza técnica e económica, para as cales non é preciso presentar proxecto técnico, de forma que o Concello, nestes casos, establece un procedemento abreviado no que non se resolve de forma expresa, aceptando ou non as obras, mediante o acto de comunicación.

Quen pode solicitar?

A persoa interesada lexitima.

Que obras se poden comunicar ?

  1. Acondicionamento total de local, con modificación da distribución interior, sen afectar a estrutura do edificio e o subsolo.

  2. Acondicionamento parcial de locais en edificios con uso distinto a vivenda, sen afectar a estrutura do edificio.

  3. Obras no interior da vivenda que non modifiquen a distribución nin afecten a estrutura.

  4. Supresión de tabique, obras de adecuación funcional na vivenda (protección contra a humidade, illamento térmico e acústico) e instalacións en vivenda.

  5. Pintado, reparación e impermeabilización de fachadas, medianeiras, patios, terrazas e balcóns. (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).

  6. Substitución e colocación de carpintería exterior. (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).

  7. Reparación e/ou substitución de elementos e instalacións comúns do edificio (ascensores, caldeiras, equipos de bombeo, escaleiras, portais, porteiros automáticos, etc.) sen afección estrutural.

  8. Instalación de baixantes, canlóns e antenas (excepto de telefonía móbil), sen afección estrutural.

  9. Substitución e reparación do material de cubrición das cubertas, sen afección estrutural.

  10. Instalación de novos elementos publicitarios en locais comerciais (rótulos, toldos, bandeirolas, etc.). (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).

  11. Instalación e construción de valados, peches de parcelas e soares. (Excepto nos núcleos rurais nos que exista peche tradicional).

  12. Pozos de auga e foxas sépticas.

  13. Limpeza, roza e nivelación de soares e parcelas, sempre que non altere o nivel natural do terreo nin afecte a ningún uso ou instalación pública.

  14. Axardinamentos, pavimentación, implantación de bordo e instalacións necesarias para o uso ou conservación de espazos libres de dominio privado sempre que non afecte a usos, servizos ou instalacións públicas.

Exclúense expresamente desta ordenanza as seguintes obras:

Aquelas obras que sendo de escasa entidade afecten aos edificios catalogados no planeamento municipal ou se sitúen no seu ámbito de protección, aquelas que requiran autorización ou informe doutras administracións, salvo que a autorización se aporte coa comunicación, así mesmo, exclúense as que supoñan un uso privativo de dominio público e as que precisen de excepción das condicións de habitabilidade.

Que documentación hai que presentar?

  1. Con carácter xeral para todos os supostos, presentarase por duplicado a seguinte documentación:

    • Instancia no impreso normalizado, cos datos persoais de identificación e enderezo para os efectos de notificación. O Concello facilita o modelo de instancia normalizada.

    • Acreditación, se é o caso, da representación cando se actúe en nome doutra persoa física ou xurídica.

    • Plano de situación da obra referido á cartografía do planeamento municipal. Poderá ser facilitado pola Oficina de Topografía do Servizo Municipal de Enxeñería.

    • Esbozo acoutado das obras que se pretenden realizar, con indicación exacta da situación das obras dentro da edificación ou das parcelas.

    • Descrición das obras para realizar, con relación de materiais e acabados que se van utilizar.

    • Fotografías do interior e fachadas do estado actual do local ou vivendas nos que se intervén.

    • Presuposto da obra.

    • Autoliquidación das taxas e imposto do presuposto que se vai realizar.

  2. Nas obras que teñan por obxecto o peche da parcela e soares, deberase de incorporar a seguinte documentación:

    • Nos peches de parcelas situadas en solo clasificado como urbano e solo de núcleo rural, deberase incorporar plano de aliñacións axustando o peche a estas.

    • No solo clasificado como núcleo rural, xustificarase mediante fotografías a non existencia de cerramentos tradicionais, de conformidade co establecido no artigo 28.2 do PXOM. Se se procede á demolición do muro tradicional, deberá xustificarse a necesidade do seu derrubamento.

  3. Nas obras de acondicionamento de locais, que modifiquen a distribución, así como nas obras de adecuación funcional de vivenda, deberá presentarse documentación firmada por técnico/a competente.

  4. Nas obras de substitución de carpintería exterior, que difiran do modelo, material e cor existente, incorporarase acordo da comunidade de propietarios/as, no que se comprometen a adaptarse á nova proposta, en sucesivas substitucións.

  5. Os rótulos e bandeirolas luminosos (tipo Neon) deberán presentar conformidade da veciñanza afectada nos termos dos artigos 139 e 140 do vixente PXOM.

Onde se presenta?

Na oficina municipal habilitada para o efecto no Servizo de Arquitectura, no Centro de Servizos Municipais da ronda da Muralla, 197, en horario de luns a venres, das 9:30 ás 14 horas.

Cando se presenta?

Antes do inicio da obra.

Cando produce efectos a comunicación?

Cando analizada a documentación polo persoal funcionario habilitado para tal fin, da súa análise resulta que a documentación presentada é completa e cumpre o establecido na ordenanza, procederase a dilixenciar esta "Conforme".

Prazo para resolver?

A documentación será analizada de inmediato polo persoal funcionario encargado da súa tramitación, de xeito presencial na oficina establecida para o efecto. De ser presentada no Rexistro Xeral do Concello, tramitarase de conformidade co establecido no artigo 5 da ordenanza, e na Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Canto custa?

  • Taxa segundo ordenanza fiscal número 103, reguladora da prestación de servizos urbanísticos.

  • Imposto segundo Ordenanza fiscal número 202, reguladora do imposto sobre construcións instalacións e obras.

  • A taxa e o imposto deberán ser aboadas previamente á presentación da comunicación, debendo incorporar o xustificante do pagamento.

Onde se tramita?

Servizo de Arquitectura.

Observacións

  • O prazo de execución das obras coa dilixencia de conforme non poderá ser superior a 6 meses.

  • A persoa interesada deberá ter a disposición dos servizos municipais o impreso que conteña a comunicación dilixenciada e facilitaralle o acceso á obra ao persoal dos ditos servizos para as inspeccións e comprobacións que procedan.

  • As obras comunicadas deberán cumprir a lexislación e o planeamento urbanístico de aplicación, así como cantas disposicións vixentes en materia de edificación, seguridade, saúde no traballo lles sexa de aplicación.

Trámites relacionados

Licenzas de obra maior e menor.

Planeamento municipal

  • Ordenanza reguladora das comunicacións de obras menores

  • Plan xeral de ordenación municipal (PXOM)

  • Plan especial de protección rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado de Lugo (PEPRI)

  • Plan especial do río Miño (PEPRIM).

  • Planeamento de desenvolvemento aplicable.

  • Ordenanzas municipais.

Pode atopar a ordenanza reguladora das comunicacións de obras menores no apartado Casa do Concello > Ordenanzas Municipais > Outras ordenanzas


Solicitude

Descargar solicitude
Descargar


Documentos

icona pdfSolicitude en castelán

RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova