Introducción

Aínda que puidera parecer que as investigacións sobre a represión franquista en Galicia comezaron recentemente, as primeiras monografías sobre este tema remóntanse á década dos 80, e a primeira tese de doutoramento ao ano 1997. Ser a autora desta tese pioneira é, sen dúbida, o meu maior orgullo profesional. O ano da memoria (2006) veu recuperar os esforzos pretéritos e tamén, naturalmente, estimular a publicación doutros moitos de grande interese, realizados en mellores condicións. Refírome non só aos apoios económicos, senón tamén ao acceso aos arquivos, que sen ser aínda óptimo non é tan tortuoso coma daquela.

A listaxe que agora ofrezo é froito dun traballo iniciado no ano 1987 coa finalidade de describir, de forma neutra e o máis fidedigna posible, o proceso represivo na provincia de Lugo. Recolle os nomes de todas as persoas que puideron ser represaliadas na nosa provincia de acordo cos datos ofrecidos polas fontes consultadas. Na listaxe non aparecen, pois, os lucenses que sufriron represión noutros lugares, pero si as persoas doutros lugares que sufriron represión en Lugo.

Nunha primeira fase, recolléronse datos procedentes das fontes máis diversas: hemerográficas, penitenciarias, gobernativas (que pola súa parte abranguen un espectro enorme: rexistro de asociacións, cartafoles de corporacións...), xudiciais (libros de rexistro de sumarios militares, os propios sumarios, expedientes de responsabilidades civís e políticas...), sanitarias, do rexistro civil de defuncións de Lugo, bibliográficas, etc. Este labor de acumulación foi, como xa dixen, moi dificultosa (os medios nos arquivos eran precarios -non había fotocopiadoras ou poñíanse trabas para o seu uso-, o mesmo ca os propios -a idea de fotografar os documentos era ciencia-ficción-), pero aínda o foi máis a segunda fase, o cotexo de datos. Cando comecei, a era informática estaba nos seus albores no noso país, e tanto a creación das bases de datos primitivas coma a súa adaptación aos programas que apareceron despois (coa obrigada renovación do equipo informático) complicaron moito as cousas. Fago referencia a estas circunstancias porque a demora na publicación deste material débese en parte a elas e, en parte, a razóns metodolóxicas, coma a selección de criterios para diferenciar os detidos "políticos" dos "comúns", xa que só os primeiros se incluíron na listaxe. A clasificación da poboación reclusa en "política" e "común" segundo a autoridade que entende en cada caso (militar/civil) complícase cando o recluso é un detido gobernativo a disposición do Gobernador Civil sen especificación do delito. Isto é así polas confusas atribucións do Gobernador Civil en materia de orde pública. A dirección desta materia estivo, nun primeiro intre, en mans militares, pero posteriormente, nas zonas onde a ocupación estaba asegurada (caso de Lugo), as autoridades militares puideron delegar competencias de orde pública nos Gobernadores Civís. En consecuencia, cando non figura o delito non é posible en todos os casos distinguir un detido gobernativo "común" (mendigo, estraperlista, acaparador) doutro "político" (extremista, enlace de fuxidos, derrotista). En definitiva, incluíronse na listaxe todas aquelas persoas detidas ou postas á disposición dunha autoridade militar ou do Gobernador Civil/ Delegado de Orde Pública, aínda que nalgúns casos a implicación política nun sentido estrito non estea clara.

Ante a enorme variedade das fontes consultadas, cabía a opción de publicar os datos procedentes de cada unha delas en bruto, por separado (listaxe de reclusos, de falecidos, de expedientados pola súa responsabilidade civil ou política, de sometidos a causas militares, de requiridos militarmente...). Non obstante, pareceume, e paréceme obvio, que os protagonistas da investigación eran as vítimas e non a administración franquista. Por esta razón, e tamén para facilitar a consulta, optei por unificar ao redor de cada vítima toda a información que a ela se referise. Penso que este traballo de elaboración é responsabilidade do historiador e que a complementación das diferentes fontes utilizando criterios historiográficos rigorosos é a clave da "memoria histórica", unha expresión cuxo significado se diluíu no océano da polémica.

Optar pola unificación dos datos tivo, non obstante, dous inconvenientes: o primeiro, que non foi posible incluír para cada vítima as referencias a todas as fontes utilizadas na elaboración do seu perfil, é dicir, que tiven que optar novamente, desta vez pola operatividade en detrimento da exhaustividade (só consta para cada rexisto a fonte base). O mesmo ocorre para o "historial de reclusión", que aparece esquematicamente completo pero, tamén en prol da manexabilidade, non está acompañado das correspondentes datas, figurando só a do primeiro ingreso e a do derradeiro egreso. Noutros casos, algúns dos datos extraídos da documentación orixinal poden menoscabar a dignidade das persoas ás que fan referencia, polo que foron substituídos na base de datos por un asterisco. O segundo inconveniente, que só o é en parte, vén dado polas deficiencias de coherencia interna e externa, é dicir, pola falta de rigor da administración franquista. Puiden constatar incongruencias nos rexistros dos nomes, das profesións, da idade, do domicilio e, en xeral, en calquera dato referido ás vítimas. Cando falo de inconveniente, evidentemente non me refiro ao feito de que estes erros, neglixencias ou, directamente, manipulacións se poñan de manifesto, senón a que a decisión de considerar máis válido o rexistro dunha fonte en detrimento doutras que a contradín está baseada nun proceso de triangulación rigoroso e complexo que, tamén por razóns de operatividade, non pode ser pormenorizado para cada caso, limitándome a consignar na base de datos as discrepancias máis relevantes.

Ás incongruencias súmanse baleiros (non sempre se cubrían todos os campos, nin todas as fontes se conservan íntegras), fallos nos criterios dos rexistros (unha mesma persoa figura indistintamente con un ou con dous apelidos cuxa orde, ademais, dentro da mesma familia, pode aparecer alterado), e os meus propios erros de transcrición debido a que os rexistros son, na súa maior parte, manuscritos (no caso das fichas sanitarias ás veces a transcrición foi directamente imposible e non figura).

O devandito fai que non todos os datos desta listaxe estean confirmados: presentan diferentes graos de certeza, que pretendo aumentar a través da colaboración daqueles que consulten esta páxina web. As manipulacións a que nos referimos antes (mortes provocadas que figuran como accidentais ou naturais), os eufemismos ("hemorragia por traumatismo" no canto de "disparo por arma de fuego") ou as omisións intencionadas fan que moitas veces non poidamos estar absolutamente seguros de que unha determinada morte se deba á represión. En consecuencia, nesta listaxe non figuran só vítimas confirmadas da represión, senón tamén, sinalándoo axeitadamente, aquelas persoas que, polas circunstancias da súa morte, parecen selo.

Para aumentar a sensibilidade da base de datos (incluíndo aqueles que deberían estar e non están) e tamén a súa especificidade (excluíndo os que morreron por causas alleas á represión e os que foron detidos/as por delitos sen connotacións ideolóxicas), é dicir, para recuperar o que eu entendo por "memoria histórica", é para o que pido a colaboración de todos aqueles que a poidan prestar.

Estaría moi agradecida se as persoas que detecten calquera erro ou deficiencia mo fixeran saber, e tamén se aqueles que dispoñen de información adicional contrastada ma facilitasen para incorporala (sempre facendo constar a súa orixe) á base de datos.

Creo que ofrecerlle á sociedade toda a información que posúo neste ámbito é a miña obriga como cidadá e como historiadora. Non quixen reservar nada para min, nin dosificar a publicación, porque penso que a descrición (non así a análise) da represión franquista hai tempo que debería estar completada máis alá de rivalidades políticas, ou de intereses académicos e persoais. Esta listaxe é a miña contribución a ese fin.

María Jesús Souto Blanco