PROXECTO URBAN ( Iniciativa Urbana )

ADECUACIÓN EXTERIOR, ECOESPAZO E OFICINA NA PRAZA DE ABASTOS MUNICIPAL DE LUGO

A actuación acometida polo Concello na parte exterior da Praza de Abastos realizouse en colaboración coa Xunta, que concedeu unha subvención de 150.000 ¤ para sufragar parte destas obras, que tiveron un custe total de 276.319,11 ¤ e que abarcaron as seguintes intervencións, segundo se recolle no proxecto que redactou a empresa pública MERCASA:

  • Rehabilitación da cuberta, garantindo un bo estado de conservación da totalidade do edificio así como importantes melloras na súa eficiencia enerxética.
  • Rehabilitación de fachada e aleiro, garantindo un bo estado de conservación e mellorando a imaxe do equipamento.
  • Habilitación de rampla no acceso da Praza Santo Domingo, eliminando barreiras arquitectónicas e mellorando as condicións de compra e capacidade comercial da planta semisótano.
  • Creación dunha zona destinada á reciclaxe: Ecoespazo. Aproveitando o carácter social dos mercados e a súa importancia como un lugar de encontro, é importante promover actividades como a reciclaxe de substancias que polo seu contido pode ser perigosos desbotalas nos colectores de lixo habitual (pilas, lámpadas, aceite de cociñar, teléfonos móbiles...) ou cunha gran compoñente solidario (recollida de tapóns ou de alimentos non perecedoiros para asociacións e bancos de alimentos). Conseguirase mellorar o labor social da praza cunha implicación como axente dinamizador, favorecendo actitudes responsables no reciclado de substancias nocivas para o medio.
  • Novas zonas administrativas, coa nova situación da oficina do mercado a unha zona con menor atractivo comercial, cedendo o espazo da súa situación actual a un posto de mercado, así como a creación dun espazo destinado a oficina da asociación de comerciantes, co obxectivo de fomentar o asociacionismo entre os operadores. Con esta actuación mellorase a actividade comercial, liberando a superficie da actual oficina do mercado cun grande atractivo comercial, e aproveitando un espazo menos notorio, eliminando así un posto sen actividade. Tamén se melloraría a súa capacidade xestora, cunha oficina para a asociación de comerciantes facilitando novas iniciativas que melloren a dinamización do mercado.

As obras tiveron un prazo de execución de dous meses e foron realizadas por Copcisa, SA.

Nunha segunda fase, que está previsto que se executará en 2015, realizaranse obras no interior do edificio destinadas a completar a mellora deste espazo, modernizando as zonas infrautilizadas e adaptándoa aos novos usos.

Estado da Praza antes da intervención

Estado da Praza despois da intervención

Concello de Lugo - PROXECTO URBAN - Iniciativa Urbana