LIGAZÓNS DE INTERESE

  

MÁIS INFORMACIÓN

NASCITURUS

A hospitalidade de Lucus Augusti é coñecida máis alá das fronteiras da nosa cidade. Nunha data tan especial como a do Arde Lucus, a paz impera entre todas as xentes que conforman o Imperio e tamén entre os estranxeiros e estranxeiras que nos visitan nestes días.

Así pois, grazas á magnificencia do noso César, o pobo celta pode celebrar os seus ancestrais ritos nesta sinalada data. O deus Lugh auspiciará, baixo o manto das estrelas, os Nasciturus levados a cabo por druídas. Chegadas dos máis espesos bosques da Gallaecia, purificarán coa auga sagrada todas aquelas persoas que desexen ser bendicidas por Lugh. Nestes tempos que corren non se pode desbotar bendición ningunha!

VODAS CELTAS

O pobo celta é o gardián dunha sabedoría mística obtida da nai natureza. Saberes gardados con moito celo por druídas, e ocultos para todos e todas as demais. O seu sagrado ritual para unir as parellas de namorados é a proba. Moi sabios e sabias son aqueles e aquelas que permiten manter as promesas de amor de ano en ano!

Eles e elas aprenderon dos ciclos naturais, e así celebran as unións amorosas: os namorados e namoradas teñen un compromiso adquirido ata o próximo Arde Lucus. E eles e elas serán as persoas encargadas de decidir se esa unión merece (ou non) ser renovada un ano máis.

Homes e mulleres que morades en Lucus Augusti esta é a vosa oportunidade. Casade baixo a bendición do deus Lugh e portádevos ben, pois a vosa parella poderá buscar novo amor se non coidades satisfactoriamente o que tedes.

CAMPAMENTO

O castra non é só o espazo no que os valentes membros das nosas lexións adestran nas diferentes artes da batalla, doman as súas bestas e descansan despois dos duros días de loita. É, ademais, o lugar idóneo para que os máis novos e as máis novas do Imperio comecen a súa formación guerreira nas Escolas de Armas (baixo a atenta supervisión do mestre armeiro da Legio V de Lucus Augusti) e na nobre arte do tiro con arco.

Acudide, pois, civitas romanos a rendervos ante o poderío das nosas lexións. Non atoparedes guerreiros máis bravos e disciplinados en todas as terras do Imperio, que non son poucas!!

E aqueles e aquelas de vós, celtas e bárbaros vidos de lonxe, lembrade que non só as murallas gardan a Lucus Augusti, senón tamén a Legio V. Respectade a paz imposta nestes días de celebración ou atédevos ás consecuencias, insensatos!

MACELLUM

O mercado artesanal segue a ofrecer os mellores produtos do Imperio. Non podería ser doutro xeito, estamos no Arde Lucus!

No medio do barullo é posíbel que vexades a coñecidos patricios e patricias, recoñecidos/as xenerais, famosos/as gladiadores/as, xefes/as celtas e, incluso, seguro que algún deus o deusa descende do Olimpo para mercar como se fose un/ha simple mortal. Xa vos dixéramos que os produtos impresionan ata aos/ás mesmísimos/as deuses/as!

Lume e maxia, malabares e acrobacias, música e risas inundarán todos os recunchos do Macellum. Nenos/as e anciáns/ás, patricios/as e plebeos/as, todos/as atoparán un entretemento a súa medida: aprender oficios artesanais, ver espectáculos de lume, música, humor ou maxia.

Achegádevos ao Macellum neste Saturnii ou non poderedes presumir de ter visto todo o esplendor de Lucus Augusti no Arde Lucus!

A PROFETISA

Este sagrado solsticio, envolto de maxia e misterios, é o momento propicio para consultar aos oráculos. A Profetisa manifestará a vontade dos avatares a aqueles/as de vós que sexan dignos/as de escoitar o que lle depara o destino no futuro.

Mais lembrade que ata a Profetisa só se pode chegar dun xeito: sendo puros/as de espírito. Os oráculos non falarán de aqueles/as impuros/as que non cumpran co ancestral ritual herdado dos inicios do mundo. Purificádevos se queredes gozar dos parabéns da Profetisa ou, cando menos, non sexades insensatos/as: se non superades todas as probas, non vos presentedes ante os oráculos. Fuxide tan rápido como poidades, sen mirar atrás. Xúpiter non é clemente cos que profanan os sagrados lugares de profecía!

LENDA CELTA

O pobo celta, gardián da sabedoría mística emanada da nai natureza, posúe innumerábeis mitos e lendas sobre seres máxicos e extraordinarios. Unhas veces amigábeis e outras non tanto, os fascinantes seres que poboan as súas lendas tamén teñen oído falar do Arde Lucus, e decidiron que este ano non podían faltar.

Estade atentos/as nas rúas e prazas, nos recunchos máis insospeitados. De seguro que si prestades atención, veredes algún destes seres de lenda.

BACANAL

Baco, oh gran deus da algarabía, deixa que te honremos para proporcionarnos uns días de festa cheos de ledicia e bos augurios! Acude ao noso reclamo e presencia esta bacanal no teu nome!

Risas e cantos, música e boa compañía para rematar este veneris como Baco manda. E vós, civitas e invitados e invitadas, non o desairedes no Arde Lucus, pois impropio é das boas xentes ofender o anfitrión das noites festeiras! Mais, lembrade gardar enerxías que aínda queda moito Arde Lucus por diante