Museo Interactivo del Museo de Lugo
Información Xeral
Contidos: Presentación do museo
Horario e contacto
Ubicación
Presentación do museo

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) abriu as súas portas en novembro de 2012 despois de 4 anos en obras e 10 millóns de euros investidos para construír un edificio, situado no parque de Frigsa, que recibiu numerosos recoñecementos internacionais pola súa singularidade arquitectónica.

A súa inauguración non foi menos ambiciosa e para tan singular acontecemento programouse unha importante exposición de Arte Contemporánea que trouxo as pezas máis emblemáticas de trinta artistas galegos de renome internacional.

Para a apertura deste museo escoulleuse a data simbólica do XII Aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Supuso un gran acontecemento para a cidade e os primeiros días celebraronse xornadas de portas abertas que aproveitaron centos de visitantes para coñecer o novo museo de Lugo.-

O MIHL alberga un contido expositivo permanente de carácter audiovisual que repasa a evolución histórica da cidade de Lugo. O valor do propio edificio, de características singulares e pola súa modernidade, é un espazo idóneo para as creacións artísticas máis vangardistas.

A exposición de Arte Contemporánea coa que o MIHL comezou a súa andaina inaugurouse o día 29 de novembro e supuso un dos grandes acontecementos do panorama artístico galego do ano. Tratábase dunha exposición colectiva dos principais artistas contemporáneos galegos e acolleu obras cedidas polo CGAC e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Murado ou Paco Leiro.

A mostra levou por título A obra elixida, artistas galegos dos últimos 30 anos e foron os propios artistas os que escolleron a súa obra, representativa da súa traxectoria, para esta exposición, convertida así nunha antoloxía da Arte Contemporánea galega. A comisaria da mostra foi a lucense Mónica Alonso.

O edificio do MIHL: referente internacional da arquitectura contemporánea

O Museo Interactivo da Historia de Lugo configúrase como un proxecto moi innovador tanto na súa arquitectura como na súa instalación museográfica. A cuberta do edificio é, en realidade, un gran xardín arborado de 11.300 metros cadrados, no que aparecen un conxunto de patios circulares afundidos. O conxunto arquitectónico subterráneo está formado por cilindros de máis de 8 metros de altura.

A idea dos arquitectos Nieto-Sobejano, autores do proxecto, é a dun parque-museo, é dicir, un edificio que xorde da relación coa paisaxe. En realidade gran parte do edificio queda semisoterrado baixo un amplo xardín que se vincula ao próximo Parque da Milagrosa. Uns grandes cilíndricos emerxen transmitindo a imaxe do novo museo á cidade. Exteriormente están revestidos dunha celosía metálica de aceiro corten que se iluminará na noite. No interior, os materiais varían segundo as distintas áreas, e adáptanse ás condicións dun museo interactivo (materiais absorbentes, madeiras, revocos, solados de formigón, chans técnicos, etc.)

En total, a superficie construída é de 4.035 metros cadrados distribuídos en distintas dependencias: a sala da exposición permanente sobre a historia da cidade ocupa 300 metros cadrados, pero o museo contará ademais con outra sala para exposicións temporais de 242 metros cadrados, salón de actos, biblioteca, ademais de cafetería, tenda, administración, etc. É de destacar que o sistema enerxético do edificio farase por medio de caldeiras de biomasa, o que evita o emprego de enerxías non renovables e favorece a súa sostenibilidade.

Unha gran caixa negra para proxeccións cunha pantalla de 10 metros de altura

O edificio do MIHL distribúese en catro plantas:

  1. PLANTA COTA 0m:
    Corresponde ao nivel de acceso pola cuberta axardinada. Sobresaen unicamente os cilindros principais do edificio, así como os dos ascensores, escaleiras e instalacións.
  2. PLANTA COTA -5,70m
    Esta planta inclúe a maior parte dos elementos de programa do edificio. Un gran patio circular de 235 m2 constitúe o centro e acceso do museo. Todos os espazos interiores vincúlanse por medio dun área aberta e flexible de vestíbulo e circulacións. Dous patios menores de 92 m2 e de 17 m2 respectivamente, iluminan as áreas de cafetería e de oficinas. Existen dous espazos expositivos principais: a sala de exposición permanente e a de exposicións temporais. Un espazo circular de menor dimensión, con acceso desde o área común, inclúe a biblioteca do centro.
  3. PLANTA COTA -9,35m
    Inclúe espazos de almacén, servizos e caixas de escaleira e ascensores.
  4. PLANTA COTA -13m
    Corresponde ao nivel do chan da grande caixa escénica, configurada como espazo audiovisual apto para distintas configuracións. Esta sala ten unha superficie de case 500 m2 (449 m2) e 10 m de altura apta para sofisticadas instalacións audiovisuais, holografías e proxeccións de imaxes virtuais. As proxeccións faranse nunha parede semicircular de 30 metros de base e 10 metros de alto. Para iso dispón de 7 grandes proxectores e 18 puntos de son.

As empresas máis punteiras traballaron no MIHL

Un total de 25 empresas de prestixio internacional optaron á construción do MIHL. O proxecto é obra ds arquitectos Nieto-Sobejano, seleccionados polo Concello de Lugo no mes de marzo do ano 2007 para facer o deseño do edificio. Nieto Sobejano Arquitectos S.L. (Madrid) gañou prestixiosos concursos como o do Museo e sede do Instituto Madinat Al-Zahra de Andalucía; Museo para o Arte Expresionista no Castelo de MoritzBurg de Alemaña; Museo Canario, nas Palmas; Museo San Telmo en San Sebastián; Museo Artístico Contemporáneo en Córdoba; Pazo de Congresos e Exposicións de Mérida.

Da construción encargouse a UTE formada polas empresas Aldesa, Cuadernas e Arcos. Aldesa está considerado como o décimo grupo de construción máis importante do Estado español, o oitavo en obra civil e o noveno en canto a edificación. Entre outras obras, Aldesa fixo o hotel Hilton de Barcelona, a fase II do Centro Comercial Las Rozas Village en Las Rozas (Madrid), o Arquivo Histórico de Lleida, e levou a cabo a rehabilitación do Museo Lázaro Galdeano en Madrid e a musealización do aparcadoiro da Praza de Ramales en Madrid ou a remodelación da Praza de Dalí-Avenida de Felipe II tamén en Madrid. As obras comezaron no verán de 2008.

A singularidade do MIHL mereceu numerosos recoñecementos internacionais no eido da arquitectura e o deseño. Antes de abrir as súas portas, o renome do MIHL xa chagara ata Asia, e no mes de outubro de 2012 a empresa automobilística coreana Hyundai escolleu o Museo Interactivo da Historia de Lugo como localización para o catálogo comercial dun novo modelo de coche de gama alta.

Horario de apertura

HORARIO DENDE O 1 DE AGOSTO

1) - Luns pechado
2) - De martes a sábado: de 11 a 13:30 horas e de 17 a 19:30 horas
3) - Domingos de 17 a 20:00 horas

A entrada é gratuíta. Para visitas de grupos hai que concertar cita previamente na Oficina Municipal de Turismo de Lugo, Praza do Campo 11 ou no teléfono 982 25 16 58.

Ubicación

O MIHL está situado no Parque da Milagrosa con acceso dende o propio parque e dende a Avenida Infanta Elena, Duquesa de Lugo.