Logotipo
Inicio > Novas > O Concello de Lugo e a USC poñen en marcha o ...

O Concello de Lugo e a USC poñen en marcha o programa ¿Lugoemprende na Universidade¿ co obxectivo de difundir a cultura emprendedora

01/04/2019

Estudantes da Escola de Relacións Laborais participaron no primeiro seminario que acolleu o CEI este martes, 31 de marzo
 O CEI-Nodus acolleu a primeira xornada do programa ‘Lugoemprende na Universidade’, posto en marcha polo Concello de Lugo e a USC co fin de difundir a cultura emprendedora entre os universitarios. Esta iniciativa contempla a celebración, ao longo deste ano, de diferentes actividades dirixidas a estudantes dos últimos cursos das Facultades e Escolas que integran o Campus de Lugo.

Visita relación laborais


O programa arrincou este martes, 31 de marzo, co “Seminario de Difusión da Cultura Emprendedora”, organizado pola Área de Autoemprego do Campus de Lugo en colaboración co CEI-Nodus e a Escola de Relacións Laborais. A sesión desenvolveuse entre as 16:00 e as 18:00 horas, no CEI-Nodus, e contou coa participación de estudantes do último curso da Escola de Relacións Laborais.

A Concelleira de Promoción Económica e Emprego, Sonia Méndez, foi a encargada de dar a benvida aos participantes e aproveitou a ocasión para achegarlles o compromiso do Concello de Lugo co fomento da cultura emprendedora e de apoio ás novas iniciativas empresariais a través do CEI-Nodus e de políticas de colaboración como o programa “Lugoemprende na Universidade”.

O obxectivo desta xornada foi difundir métodos de xeración das ideas empresariais e romper cos mitos sobre a figura do emprendedor amosando, a través de experiencias persoais de emprendedores galegos, que calquera persoa pode desenvolver un proxecto empresarial.

Durante a sesión, levouse a cabo unha fonda análise dos tres factores fundamentais que integran un novo proxecto empresarial: a figura do emprendedor, a idea de negocio e o deseño dun plan empresarial.

A figura do emprendedor foi presentada como a pedra angular de todo proxecto empresarial e analízouse a relación entre o éxito da empresa e as características persoais deste axente. A través de casos reais de empresas implantadas en Galicia, abordáronse aspectos como as aptitudes desexables nun emprendedor, as habilidades, os coñecementos e actitudes necesarias, os mitos que hai que superar, as principais barreiras que adoitan atopar e as diferentes motivacións que impulsan a emprender.

Ademais, estudáronse as ideas de negocio e de concepto que se desexa vender e se explicaron as liñas fundamentais para definir o perfil do cliente potencial. Outro tema no que se incidiu foron as diferentes fontes de información ás que todo emprendedor debe acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade a partir do punto de vista comercial, económico-financeiro e técnico-legal.

A última parte centrouse na posta en marcha e na transformación da idea en proxecto, na necesidade de desenvolver un plano de empresa rigoroso e os recursos humanos e materiais que son necesarios para poñer en marcha o proxecto. Mostraranse ademais unha serie de instrumentos e recursos que están dispoñibles para os emprendedores e que supoñen unha importante axuda para acadar o éxito nos seus proxectos de empresa.

Durante o Seminario expoñéronse casos reais de emprendedores que desenvolveron un proxecto empresarial en Galicia (extraídos do Banco de Proxectos Empresariais). Foron analizados aspectos como o historial do emprendedor, os recursos dos que dispoñía, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que o levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tivo que superar e as ameazas que se avistan no seu sector ou mercado, así como os factores aos que se pode atribuír o éxito da súa empresa.


Visita relación laborais

Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
Centro de empresas e innovacion