Actualidade

Venres, 10 de maio de 2024
O Concello prepara un dispositivo especial de seguridade con motivo da celebración este domingo da media maratón Cidade de Lugo

O Executivo de Paula Alvarellos deu a coñecer hoxe o Plan de Tráfico para esta competición deportiva que terá lugar o vindeiro domingo.

Entre as limitacións figura, ademais do corte dalgunhas rúas, o peche do estacionamento do edificio do Seminario durante a mañá.

Xoves, 09 de maio de 2024
A concellería de Infraestruturas Urbanas inicia a reparación de vías públicas ao longo de todo o tecido urbano

Alexandre Penas: "para que a intervención sexa duradeira, os traballos teñen que realizarse garantindo unhas condicións climáticas favorables"

Penas lembrou que, ao traballo da brigada de obras, súmase unha empresa responsable do mantemento das vías urbanas "para traballos máis complexos que os realizados polo persoal da Brigada"

Xoves, 09 de maio de 2024
Rubén Arroxo anuncia reforzos no bus urbano de cara á proba do mundial de Motocross desta fin de semana

Un bus lanzadeira comunicará o polígono das Gándaras co circuíto Jorge Prado

Rubén Arroxo: "facilitamos que toda a xente que o desexe poida acudir ao evento en transporte público"

Xoves, 09 de maio de 2024
Paula Alvarellos: “O progreso europeo baséase no poder transformador da colaboración e a solidariedade”

A alcaldesa leu un manifesto en conmemoración do aniversario da histórica Declaración Shuman, de 1950, tralo cal sonou o himno europeo e izouse a bandeira da UE.

A programación, posta en marcha pola oficina municipal Europe Direct, incluíu música en directo, talleres infantís, mesas informativas, sorteos de agasallos e un desfile de moda.

Tamén se fixo entrega dos premios do certame de fotografía Cidadanía Europea en Galicia organizado conxuntamente polos centros de información europea de Lugo e A Coruña.

Mércores, 08 de maio de 2024
Paula Alvarellos presenta o modelo de éxito de Innogando, empresa participada por Lugo Transforma, no VII Encontro Innpulso Emprende

“No seu día foi unha das primeiras empresas en formar parte do noso fondo municipal e hoxe é un orgullo afirmar que representa un exemplo a nivel internacional e constitúe un novo polo para xerar emprego a nivel local”, sinalou a alcaldesa.

Elio López, CEO da startup lucenses, puxo en valor a iniciativa de Goberno local e explicou o proceso de crecemento desde a súa chegada ao Fondo municipal: “actualmente somos un equipo formado por 25 persoas traballadoras e temos máis de 1.000 clientes en cinco países”.

O edil responsable Área de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, completou a delegación lucense que aproveitou a cita para levar a cabo un traballo de prospección  de investidores e de promoción do municipio.

 
Mércores, 08 de maio de 2024
Xuventude promove un obradoiro de vestimenta e complementos e un torneo de xogos romanos de taboleiro como previa ao Arde Lvcvs 2024

O taller textil, gratuíto e con entrada libre, terá lugar os días 11 e 25 de maio e 1 e 8 de xuño na Casa da Xuventude en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas.

Os participantes poderán elaborar, reutilizando materiais, os seus traxes romanos ou castrexos, facerlles complementos, bordados ou aprender a realizar tintado de teas.

Por outra banda, este sábado terá lugar a 9ª edición dos xogos romanos de taboleiro, unha actividade na que participarán 60 alumnos de 11 centros educativos da cidade.

“A través destas actividades buscamos avivar a chama do Arde Lvcvs, que en cuestión de semanas volverá a arder para rememorar as orixes da nosa cidade”, explicou Bustos.

Martes, 07 de maio de 2024
Cohesión Territorial apela a  veciñanza do rural a manter limpas as leiras particulares co obxectivo de garantir a seguridade viaria e evitar problemas de convivencia

A vexetación que, nacendo en leiras invada as beirarrúas, vías e espazos públicos, debe ser obrigatoriamente cortada ou podada polas persoas propietarias.

“É necesario que cada quen asuman as súas obrigas, xa que en caso de incumprimento, o Concello poderá facelo en calquera momento, repercutindo ademais as custas destes traballos aos titulares”, recordou González Abelleira.

Co obxectivo de rocordar esta serie de obrigas dos e das titulares de terras, esta mañá a alcaldesa vén de publicar un bando onde se recolle toda a normativa municipal vencellada a este asunto.

Martes, 07 de maio de 2024
Paula Alvarellos participa na gravación dun documental sobre a construción en madeira en Europa co Impulso Verde como exemplo

O audiovisual está promovido pola fundación holandesa Built by Nature, unha das entidades promotoras da rede Mass Madera á que pertence o Concello de Lugo.

Martes, 07 de maio de 2024
A alcaldesa Paula Alvarellos supervisa as tarefas de acondicionamento do circuíto municipal Jorge Prado como sede do campionato do Mundo de Motocrós

Os traballos realizados na dotación inclúen a adecuación dos accesos, a instalación da infraestrutura para a xestión de residuos, parte do subministro eléctrico para as tarefas auxiliares e o desbroce de toda a contorna.

“Grazas a iniciativa do Goberno local de facer realidade este circuíto, Lugo será capital mundial do motocrós coa consecuente dinamización da nosa economía en termos de afluencia turística e consumo asociado a este evento”, sinalou Alvarellos.

A rexedora valorou o compromiso do Club Motopark como responsables da xestión do circuíto Jorge Prado por proporcionar un escenario de clase mundial.